xoves, 31 de outubro de 2013

CREANDO ARREDOR DA LECTURA E DA ESCRITURA


Como ben sabedes, a lectura e a escritura son fundamentais na clase de quinto. Son motivo de satisfacción diaria para toda a clase, tanto para o mestre como para o alumnado. Conseguimos entre todos e todas un fantástico clima de relación coa escrita e coa lectura. Xa vedes que nos sentimos moi orgullosos do que facemos!

Cada día lemos, cada día escribimos, traballamos os diferentes xéneros e tipoloxías textuais e pensamos tamén que recursos, que elementos podemos crear ou utilizar para facernos máis amable e creativo este traballo tan pracenteiro.

Por iso hai uns días, démonos conta de que non tiñamos marcadores de páxinas suficientes na aula e como teño un alumnado tan resolutivo, rapidamente apuntaron a posibilidade de crealos. Pareceume perfecto e así nos puxemos a traballar no seu deseño. Aquí tedes algúns exemplos do humilde pero satisfactorio resultado do noso traballo:

 







Por certo, estes días previos ao Samaín, estivemos realizando contos de medo ou intriga para esta data. Contos que partiron dunha actividade da biblioteca do centro proposta polo seu responsable, o profe Sergio. En breve farémosvos chegar o seu resultado.

martes, 15 de outubro de 2013

RODAR I RODARI con INACIO VILARIÑO


Queremos contarvos que o pasado venres estivemos na Biblioteca Pública de Antas de Ulla para saborear un magnífico espectáculo teatral da man de Inacio Vilariño.

Inacio representounos o espectáculo titulado Rodar i Rodari co que, como podedes intuír, nos achegou á figura do gran mestre e contista italiano Gianni Rodari. Como xa falamos na clase, Rodari recibiu no seu día o Premio Andersen de Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), que está considerado como o Nóbel da LIX.

Para a nosa clase foi unha gran sorpresa, porque levábamos varias sesións falando e lendo a Rodari e traballando escritura creativa utilizando a excepcional Gramática da Fantasía do mestre italiano.

Un espectáculo de narración oral con acompañamento musical co que o pasamos xenial todo o alumnado da escola e tamén o profesorado. Por iso desde o noso blog queremos felicitar a Inacio Vilariño polo seu gran traballo, pola súa posta en escena e pola proximidade que nos amosou. Tamén queremos recomendar a outras bibliotecas ou coles esta obra.

Non podía faltarnos o recoñecemento a Teresa, a bibliotecaria de Antas. Sen dúbida unha das maiores sorpresas que eu como mestre levei cando cheguei ao cole de Antas de Ulla. Non é doado atopar nun concello pequeno, tanta actividade cultural arredor dunha biblioteca. Actividade para todas as idades co teatro como buque insignia. Desde logo que o traballo de Teresa é espectacular e por iso así llo queremos recoñecer.

Quixemos que este día fose lembrado moito tempo e para iso quedamos retratados nunha fotografías que agardamos vos gusten.








luns, 14 de outubro de 2013

ALÁ IMOS….. OLA ESCOLA

Ola mozas e mozos de 5º, dádesvos conta do rápido que pasa o tempo? Xa estamos no último ciclo, a punto de ser os maiores do cole!. Como vedes imos iniciar unha nova aventura coa elaboración dun blog de aula, o blog da nosa aula! Non vos parece un reto apaixonante? Seremos quen de levar a cabo esta fazaña? Creo que co esforzo de todos e todas conseguirémolo.

Este vai ser o noso espazo na rede onde expoñeremos e compartiremos os nosos traballos, as nosas tarefas, onde o resto do alumnado e profesorado do cole nos pode visitar e, por suposto, o espazo de contacto coas vosas familias.

Un saúdo especial merecen as vosas familias porque a súa participación e implicación van ser moi necesarias para que aprendades máis e mellor.

Espero que este novo paso que acabamos de dar sexa o suficientemente motivador como para que ao final do curso esteamos orgullosas e orgullosos do noso traballo, da nosa implicación co cole e dispostos a abordar o que para vós será a antesala do instituto.

Como vedes titulamos o noso blog OLA ESCOLA, un título con moita musicalidade que esconde a intención de ser un saúdo a esta aventura que imos vivir. Un saúdo á comunidade educativa do CEIP Antas de Ulla e a todas as persoas que nos queiran visitar.

Desde aquí tamén visitaremos blogs de aula doutros coles, aos que xa saudamos e dos que seguro aprenderemos moito.

Non sei vos, eu sinto un pouco de vertixe, a vertixe lóxica que provoca unha nova aventura, un novo camiño por percorrer. Pero tamén sinto toda a ilusión que vexo nas vosas caras, os desexos de iniciar este fascinante camiño na procura de novas aprendizaxes.

ALÁ IMOOOOOOS………….