xoves, 19 de decembro de 2013

DESEXAMOS UN BO NADAL Á COMUNIDADE EDUCATIVA DO CEIP ANTAS DE ULLA


Con esta tarxeta de felicitación do Nadal, queremos felicitar estas datas a toda a comunidade educativa do CEIP de Antas de Ulla.
Como nos últimos anos, este ano tamén organizamos o Concurso de Tarxetas de Nadal co que cada clase felicita e traslada os mellores desexos cara o vindeiro ano ás súas familias.
As tarxetas que van coa fotografía do alumnado son as gañadoras e o resto pódense ver nas fotografías de tarxetas colectivas.
Nesta ocasión ademais, o alumnado de 5º e 6º participamos na elaboración do mural que se ve ao fondo. Un moi sinxelo mural no que representamos as típicas bolas da árbore de Nadal. Realizáronse a través dun folio no que cun garabato o alumnado ía dando forma ás bolas para posteriormente pintar as zonas intermedias.
Pois iso, BO NADAL  a todas e todos.




 


 

 

 
 
 

domingo, 10 de novembro de 2013

MATISSE ABRIUNOS AS PORTAS DO OUTONO


Empezou o curso e empezamos a reflexionar sobre como se podería traballar o tema do outono, que estaba á volta da esquina, doutro xeito. Esta reflexión prodúcese co alumnado de quinto e sexto, aos que este curso me toca impartirlles a área de plástica.

A idea parte da posibilidade de crear unha pequena secuencia didáctica na dirección que nos suxire a Aprendizaxe Baseado en Proxectos ou Problemas (ABP). Isto é, na creación dun produto, neste caso un mural, traballando diferentes competencias e coa intervención de diferentes áreas. Certo que foi unha pequena secuencia, un pequeno proxecto, pero mereceu a pena.

Un par de enlaces para explicar en que consiste o ABP:
 
Puxémonos mans á obra e o primeiro que fixemos foi consensuar o emprego dun cadro dun pintor importante que nos relacionara co outono. Eliximos a Matisse e o seu cadro La Gerbe porque utiliza as follas –elemento típico do outono- como elemento de traballo, polo seu colorido como magnífico precursor e representante dos fauvistas e porque queríamos facer algo diferente en relación ao outono. Non sei se acertamos, vós nolo diredes.

Involucramos ás seguintes áreas:

·         Lingua e literatura galegas e tamén castelán.

·         Artística.

·         Coñecemento do Medio.

·         E unha pincelada de matemáticas.

Traballamos as seguintes competencias:

·         Competencia lingüística.

·         Competencia cultural e artística.

·         Competencia dixital.

·         Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.

·         Competencia para aprender a aprender.

·         Competencia matemática.

Cada alumna, cada alumno, trouxo follas recollidas no entorno no que viven. Estas follas foron seleccionadas para adaptalas á nosa versión do cadro de Matisse. No último momento, pintamos esas follas con témpera e pegámolas ao papel do mural, retirándoas despois para que quedara impresa a súa forma a través da pintura.

Posteriormente, traballando a competencia dixital, fomos á aula de informática a buscar información sobre Matisse e os fauvistas. Seleccionamos esa información e creamos uns bocadillos, ao estilo cómic, para escribir neles esa información. Finalmente, buscamos textos, poemas, refráns, ditos e adiviñas sobre o outono que escribimos en cartolinas de cor, homenaxeando aos feras da cor que foron os fauvistas, e colocamos no mural.

A experiencia foi marabillosa, o alumnado estaba totalmente involucrado na busca de información, no traballo práctico e nesa coordinación necesaria entre os dous niveis do terceiro ciclo, quinto e sexto. Algo quédanos claro, coñeceron a un pintor que non coñecían, ao seu movemento pictórico e seguramente en moito tempo nos se esquezan desta experiencia.

Estamos moi orgullosos do noso traballo do que podedes ver o resultado final, e agora tócavos a vós avalialo. Sabemos que nos quedou pouco espazo para a versión do cadro, os bocadillos e as cartolinas están moi encima, pero todo o alumnado quería ver reflectido o seu traballo e apostamos por arriscarnos.

Aí vos quedan unhas fotografías do proceso de elaboración do mural.










venres, 1 de novembro de 2013

A VISITA DO BARCO MURALLA DE LUGO


Tivemos a sorte, hai un par de semanas, de poder embarcar no Barco Muralla de Lugo da Deputación Provincial. Esta aula-barco, dedícase á promoción e sensibilización medioambiental da provincia de Lugo. En concreto das tres Reservas da Biosfera que temos na provincia.

A primeiras desas reservas foi declarada como tal no ano 2002 e é a Reserva da Biosfera Terras do Miño, despois viñeron a do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, que compartimos coa veciña e querida terra asturiana, e por último a Reserva da Biosfera dos Ancares da que tamén forman parte os Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Por último tamén nos informaron do LIC Ancares-Caurel integrado pola impresionante Serra do Caurel.

Exteriormente simula un barco coa súa proa, cuberta e ponte de mando -transportado sobre unha plataforma de 13 m- á que se accede a través dunha pasarela.

No exterior incorpora elementos mariñeiros tradicionais como as redes de pesca, nasas, salvavidas ou balizas.

No seu interior tamén está ambientado con elementos propios de embarcacións pesqueiras e mercantes e con fotografías antigas da costa de Lugo.

 
Como vos podedes imaxinar, pasamos uns interesantes momentos no barco na compañía dos dous monitores, Johny e Gloria, aos que lle queremos agradecer a súa atención e sobre todo que foran tan didácticos, que nos acercaran toda esa información de maneira tan sinxela e amena.

Tamén lles queremos agradecer a súa paciencia ante o bombardeo de preguntas ás que foron sometidos polo terceiro grado do alumnado de quinto do CEIP de Antas de Ulla.

Mirade estas fotos da visita do alumnado do terceiro ciclo.



 

xoves, 31 de outubro de 2013

CREANDO ARREDOR DA LECTURA E DA ESCRITURA


Como ben sabedes, a lectura e a escritura son fundamentais na clase de quinto. Son motivo de satisfacción diaria para toda a clase, tanto para o mestre como para o alumnado. Conseguimos entre todos e todas un fantástico clima de relación coa escrita e coa lectura. Xa vedes que nos sentimos moi orgullosos do que facemos!

Cada día lemos, cada día escribimos, traballamos os diferentes xéneros e tipoloxías textuais e pensamos tamén que recursos, que elementos podemos crear ou utilizar para facernos máis amable e creativo este traballo tan pracenteiro.

Por iso hai uns días, démonos conta de que non tiñamos marcadores de páxinas suficientes na aula e como teño un alumnado tan resolutivo, rapidamente apuntaron a posibilidade de crealos. Pareceume perfecto e así nos puxemos a traballar no seu deseño. Aquí tedes algúns exemplos do humilde pero satisfactorio resultado do noso traballo:

 







Por certo, estes días previos ao Samaín, estivemos realizando contos de medo ou intriga para esta data. Contos que partiron dunha actividade da biblioteca do centro proposta polo seu responsable, o profe Sergio. En breve farémosvos chegar o seu resultado.

martes, 15 de outubro de 2013

RODAR I RODARI con INACIO VILARIÑO


Queremos contarvos que o pasado venres estivemos na Biblioteca Pública de Antas de Ulla para saborear un magnífico espectáculo teatral da man de Inacio Vilariño.

Inacio representounos o espectáculo titulado Rodar i Rodari co que, como podedes intuír, nos achegou á figura do gran mestre e contista italiano Gianni Rodari. Como xa falamos na clase, Rodari recibiu no seu día o Premio Andersen de Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), que está considerado como o Nóbel da LIX.

Para a nosa clase foi unha gran sorpresa, porque levábamos varias sesións falando e lendo a Rodari e traballando escritura creativa utilizando a excepcional Gramática da Fantasía do mestre italiano.

Un espectáculo de narración oral con acompañamento musical co que o pasamos xenial todo o alumnado da escola e tamén o profesorado. Por iso desde o noso blog queremos felicitar a Inacio Vilariño polo seu gran traballo, pola súa posta en escena e pola proximidade que nos amosou. Tamén queremos recomendar a outras bibliotecas ou coles esta obra.

Non podía faltarnos o recoñecemento a Teresa, a bibliotecaria de Antas. Sen dúbida unha das maiores sorpresas que eu como mestre levei cando cheguei ao cole de Antas de Ulla. Non é doado atopar nun concello pequeno, tanta actividade cultural arredor dunha biblioteca. Actividade para todas as idades co teatro como buque insignia. Desde logo que o traballo de Teresa é espectacular e por iso así llo queremos recoñecer.

Quixemos que este día fose lembrado moito tempo e para iso quedamos retratados nunha fotografías que agardamos vos gusten.








luns, 14 de outubro de 2013

ALÁ IMOS….. OLA ESCOLA

Ola mozas e mozos de 5º, dádesvos conta do rápido que pasa o tempo? Xa estamos no último ciclo, a punto de ser os maiores do cole!. Como vedes imos iniciar unha nova aventura coa elaboración dun blog de aula, o blog da nosa aula! Non vos parece un reto apaixonante? Seremos quen de levar a cabo esta fazaña? Creo que co esforzo de todos e todas conseguirémolo.

Este vai ser o noso espazo na rede onde expoñeremos e compartiremos os nosos traballos, as nosas tarefas, onde o resto do alumnado e profesorado do cole nos pode visitar e, por suposto, o espazo de contacto coas vosas familias.

Un saúdo especial merecen as vosas familias porque a súa participación e implicación van ser moi necesarias para que aprendades máis e mellor.

Espero que este novo paso que acabamos de dar sexa o suficientemente motivador como para que ao final do curso esteamos orgullosas e orgullosos do noso traballo, da nosa implicación co cole e dispostos a abordar o que para vós será a antesala do instituto.

Como vedes titulamos o noso blog OLA ESCOLA, un título con moita musicalidade que esconde a intención de ser un saúdo a esta aventura que imos vivir. Un saúdo á comunidade educativa do CEIP Antas de Ulla e a todas as persoas que nos queiran visitar.

Desde aquí tamén visitaremos blogs de aula doutros coles, aos que xa saudamos e dos que seguro aprenderemos moito.

Non sei vos, eu sinto un pouco de vertixe, a vertixe lóxica que provoca unha nova aventura, un novo camiño por percorrer. Pero tamén sinto toda a ilusión que vexo nas vosas caras, os desexos de iniciar este fascinante camiño na procura de novas aprendizaxes.

ALÁ IMOOOOOOS………….