Queremos contarvos
que o pasado venres estivemos na Biblioteca Pública de Antas de Ulla para
saborear un magnífico espectáculo teatral da man de Inacio Vilariño.
Inacio representounos
o espectáculo titulado Rodar i Rodari
co que, como podedes intuír, nos achegou á figura do gran mestre e contista
italiano Gianni Rodari. Como xa
falamos na clase, Rodari recibiu no seu día o Premio Andersen de Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), que está
considerado como o Nóbel da LIX.
Para a nosa clase foi
unha gran sorpresa, porque levábamos varias sesións falando e lendo a Rodari e traballando
escritura creativa utilizando a excepcional Gramática da Fantasía do mestre italiano.
Un espectáculo de
narración oral con acompañamento musical co que o pasamos xenial todo o
alumnado da escola e tamén o profesorado. Por iso desde o noso blog queremos
felicitar a Inacio Vilariño polo seu gran traballo, pola súa posta en escena e
pola proximidade que nos amosou. Tamén queremos recomendar a outras bibliotecas
ou coles esta obra.
Non podía faltarnos o
recoñecemento a Teresa, a bibliotecaria de
Antas. Sen dúbida unha das maiores sorpresas que eu como mestre levei cando
cheguei ao cole de Antas de Ulla. Non é doado atopar nun concello pequeno, tanta
actividade cultural arredor dunha biblioteca. Actividade para todas as idades
co teatro como buque insignia. Desde logo que o traballo de Teresa é
espectacular e por iso así llo queremos recoñecer.
Quixemos que este día
fose lembrado moito tempo e para iso quedamos retratados nunha fotografías que agardamos
vos gusten.








Ningún comentario:
Publicar un comentario