domingo, 10 de novembro de 2013

MATISSE ABRIUNOS AS PORTAS DO OUTONO


Empezou o curso e empezamos a reflexionar sobre como se podería traballar o tema do outono, que estaba á volta da esquina, doutro xeito. Esta reflexión prodúcese co alumnado de quinto e sexto, aos que este curso me toca impartirlles a área de plástica.

A idea parte da posibilidade de crear unha pequena secuencia didáctica na dirección que nos suxire a Aprendizaxe Baseado en Proxectos ou Problemas (ABP). Isto é, na creación dun produto, neste caso un mural, traballando diferentes competencias e coa intervención de diferentes áreas. Certo que foi unha pequena secuencia, un pequeno proxecto, pero mereceu a pena.

Un par de enlaces para explicar en que consiste o ABP:
 
Puxémonos mans á obra e o primeiro que fixemos foi consensuar o emprego dun cadro dun pintor importante que nos relacionara co outono. Eliximos a Matisse e o seu cadro La Gerbe porque utiliza as follas –elemento típico do outono- como elemento de traballo, polo seu colorido como magnífico precursor e representante dos fauvistas e porque queríamos facer algo diferente en relación ao outono. Non sei se acertamos, vós nolo diredes.

Involucramos ás seguintes áreas:

·         Lingua e literatura galegas e tamén castelán.

·         Artística.

·         Coñecemento do Medio.

·         E unha pincelada de matemáticas.

Traballamos as seguintes competencias:

·         Competencia lingüística.

·         Competencia cultural e artística.

·         Competencia dixital.

·         Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.

·         Competencia para aprender a aprender.

·         Competencia matemática.

Cada alumna, cada alumno, trouxo follas recollidas no entorno no que viven. Estas follas foron seleccionadas para adaptalas á nosa versión do cadro de Matisse. No último momento, pintamos esas follas con témpera e pegámolas ao papel do mural, retirándoas despois para que quedara impresa a súa forma a través da pintura.

Posteriormente, traballando a competencia dixital, fomos á aula de informática a buscar información sobre Matisse e os fauvistas. Seleccionamos esa información e creamos uns bocadillos, ao estilo cómic, para escribir neles esa información. Finalmente, buscamos textos, poemas, refráns, ditos e adiviñas sobre o outono que escribimos en cartolinas de cor, homenaxeando aos feras da cor que foron os fauvistas, e colocamos no mural.

A experiencia foi marabillosa, o alumnado estaba totalmente involucrado na busca de información, no traballo práctico e nesa coordinación necesaria entre os dous niveis do terceiro ciclo, quinto e sexto. Algo quédanos claro, coñeceron a un pintor que non coñecían, ao seu movemento pictórico e seguramente en moito tempo nos se esquezan desta experiencia.

Estamos moi orgullosos do noso traballo do que podedes ver o resultado final, e agora tócavos a vós avalialo. Sabemos que nos quedou pouco espazo para a versión do cadro, os bocadillos e as cartolinas están moi encima, pero todo o alumnado quería ver reflectido o seu traballo e apostamos por arriscarnos.

Aí vos quedan unhas fotografías do proceso de elaboración do mural.










Ningún comentario:

Publicar un comentario